domingo, 12 de marzo de 2023

 

 

Foto (Eladio Monea) 

 

Profeta na súa terra

 

-Aí queda a que ben de escribir o último capítulo da Cruz

    -si, e  con que pouca diferenza do penúltimo, seu irmán, menos de dous meses que se foi Eladio. Sempre será unha magoa o feito de non deixar descendentes, e para mostra a de esta familia, dentro de poucos anos ninguén se acordará xa de que existiran.

     -Mágoa tamén que a Eladio non se lle dese por escribir e deixar reflectido nalgún medio o que sabía e recordaba e que así levaría con El

     -pois por El non sería, que en cada ocasión que tiña aproveitaba para “ilustrar” a quen quixera oílo de todo o que contaba, mais ben a culpa sería nosa por non prestarlle mais atención e agora lamentámonos do que xa non ten remedio. Por certo, ¿ti tes entrado algunha vez en https://santomedasolas.blogspot.com?

    -si, claro, mais dunha vez

    -¿e que che parece?

    -interesante, aínda que ultimamente ao seu autor déuselle pola poesía e a min gustábame mais cando contaba contos ou anécdotas que escoitaría dos veciños ou dos seus familiares. En todo caso un moi bo traballo con moitas horas de dedicación pero tamén con boas fotos e vídeos, todo moi currado.

     -¿A ti nunca se che deu por escribir algo?, sabes que poderíalo facer si quixeras

    -non filla non, recorda que eu non fun ao Zorelle. Xa sei que tamén escribe aí alguén mais, pero ese xa non me gusta tanto. Algúns pensan que con contar catro cousas mal contadas xa son escritores. Ademais ese blog non é del, el só é un intruso que se está aproveitando das ideas dos demais.

    -Pois eu direiche que fai pouco que me decatei de que existía ese blog e de quen escribía nel, e hasta agora, todo o que levo visto gústame. Recoñezo que algúns textos poden resultar algo longos e pesados, pero parécenme ben documentados

   -¿documentados?, si no wikipedia, si nin sequera ten a delicadeza de poñer as reseñas das fontes. Unha vez que pegara na cabeceira dun escrito un debuxo do Grito de Munt fixérao sen describir, como si fose el o que o debuxara, con iso dígoche todo. Ademais é un impostor, a maioría das fotos que publica faino como si fora el quen as fixo, cando todos sabemos que xa levaban expostas dende fai anos nese blog e que foran feitas polo seu autor

    -iso que dis estráñame moito, e penso que esaxeras bastante; que el non che caia ben polo que sexa entenderíao pero aquí falamos do fondo da cuestión; que sería escribir contando cousas variadas pero todas elas con algo en común: Santomé, coa súa cultura e a súa historia, coas súas xentes, de antes e de agora, e tamén con algunhas das vivencias que se recordan; iso, para min, e moito mais importante que todo o resto

    -non, si el a min non me cae mal, e do que escribe estou de acordo contigo en que é bo que alguén o faga, oxalá fosen mais. O que non acabo de ver ben é a maneira que tivo de entrar nun medio con carácter de privado e moverse nel como si fose propio. Ademais ultimamente meteuse a escribir de cada familia do lugar como si fose un entendido no tema, cando el foise do pobo fai xa mais de cincuenta anos e apenas aparece por aquí de cando en vez. Non me estrañaría nada que algún compoñente desas familias lle acabe chamando a atención por andarse metendo onde non o chaman

    -iso si que me estrañaría mais aínda, pola miña parte, cando lle toque de falar da miña pode espraiarse o que lle de a gana, seguro que me decatarei de cousas que non sei e con iso non podería mais que estarlle agradecida. E do que dis de marcharse do pobo, ¿ti mais eu non fixemos o mesmo?, ¿canto tempo fai que nos fomos? ¿e canto paramos aquí cando volvemos?. Supoño que terás oído o dito: «un non é de onde nace, senón de onde pace»; aínda que eu cambiaríao por: «un non é só de onde nace, senón tamén de onde pace»

     - si que coñezo a frase, á que eu engadiría: «ademais de onde ten aos seus mortos».

    -Xa que vai de frases, ¿sónache esta?: «Ninguén é profeta na súa terra»

    -claro, eu sufrino cando andei reparando nas televisións e poñendo antenas, que era recoñecido e apreciado como técnico fóra de aquí, cousa que nunca me chegara a suceder no lugar onde nacín. Tanto sería así que ía de mellor gana a traballar cando me chamaban doutros pobos que viña a facelo ao meu. Para os demais eu era o técnico, mentres que para os meus veciños era o fillo de... 

    -Pois, salvando os tempos e as distancias, ti estás facéndollo pagar agora a outros coas túas críticas de quen estamos a falar; seguro que si o narrador que conta todo isto fose de Tombuctú, habería que facerlle unha homenaxe, unha rúa co seu nome e tamén unha estatua no Cruceiro, así somos amigo

    -non pretenderás que lle fagamos unha homenaxe a ese tipo, se cadra el é ao que aspira contando o que conta

    -non sexas iluso anda. Parece que esa frase procede de cando Xesucristo estaba a predicar no pobo de onde nacera cando xa viña de facelo doutras terras onde o aclamaban, pero os seus veciños empezaran a protestar e desaprobar o que dicía, gritándolle: «pero ti de que falas si só es o fillo dun carpinteiro»

    -o que faltaba, agora vas e compáralo con Xesucristo pero ti, ¿onde queres ir a parar?

    -eu xa paro aquí, ti faino onde che apeteza, total hoxe non hai quen te aguante, así que vémonos outro día que razoes mellor, adeus Ramiro

  -ata outra Maruxa, vémonos en Tombuctú.

  

🎵 Palabras para Julia

Ningún comentario:

Publicar un comentario

  Camiño vello da Bouza a Castrelo   O pasado segue vivo       — A nosa vida non é o que nos sucedeu, senón o que recordamos.       C...