sábado, 12 de xullo de 2025

 

Camiño vello da Bouza a Castrelo

 

O pasado segue vivo

      — A nosa vida non é o que nos sucedeu, senón o que recordamos.

      Con esta frase acababa de responderlle Maruxa a Ramiro cando este lle estaba contando como atopara o Marco da Salgueira. Resulta que quedaran aquela tarde para dar un paseo e decidiran facelo por un dos tramos do que fora Camiño Real que, desde fai anos, quedaría absorbido pola estrada que ía de Santomé á Bouza.

   — Pois, como che dicía Maruxa, cando cheguei onde contaba que debía de estar o Marco só había toxos, silvas e fentos mais altos ca min e non sabía por onde empezar a buscar, tanto sería así que din media volta desistindo da idea. Xa metido no coche púxenme a mirar cara o camiño vello que ía a Ramiras, desde fai tempo en desuso, onde a pesar diso podíanse apreciar rastros do que había sido no pasado; alí pechei os ollos e deixaría que á memoria me ilustrara, revelara, esclarecera; cando os volvín abrir saín do coche e púxenme a andar, guiado sempre polos recordos, por aquel sendeiro abandonado e, apartando cun pau unhas poucas silvas e toxos que había pegados a un valado de laxe, apareceu aquela pedra máxica tallada con catro cruces sinalando os catro puntos cardinais tal como eu a recordaba de rapaz.

   — Ti invocaches á memoria autobiográfica para resolvelo, eu tamén acostumo a facelo cando penso no pasado e podo dicirche que, a veces, hasta sería capaz de localizar algún dos marcos que separaban as nosas terras, todo iso na miña cabeza claro.

      — Non sei que é iso da memoria autobiográfica, recorda que eu non fun ao Zorelle; sexa o que fose a min deume resultado

  — ven a ser algo así como viaxar mentalmente cara atrás a través do tempo; tampouco creas ti que no Zorelle ensinaban algo parecido; vas bo como penses que cos estudos dun instituto xa sabes de todo; ti lee libros e busca información que che interese de verdade e verás como a atoparás xa que hoxe hai dabondo, mesmo nas redes, a cuestión é non perder o tempo noutras cousas. Moi interesante o achado do Marco pero, en realidade ¿que é o que está marcando?

   — como ben sabes un marco só non significa nada, non representa nada; para que teña algún sentido ten que haber como pouco dous. O Marco da Salgueira delimitaba as xurisdicións de Cartelle e Castrelo pero para que eses límites quedasen ben representados tería que, por forza, haber algún mais. Segundo o Catastro de Ensenada serían sete os que compoñían o polígono daquela xurisdición do Cartelle de 1.750; deses sete, só se puideron localizar tres: o da Salgueira, outro preto o Castro de Vilela e o de Chimpacarros; este último onde nacen as fontiñas do Fragoso, tamén delimitaría a xurisdición de Toén no punto chamado Trifinio. Os restantes habería que localizalos cara o Este, delimitando a xurisdición de Santa Baia de Anfeoz e ao Sur, a de Castelo de Sande; recorda que por esas datas a xurisdición de Cartelle estaba conformada só por cinco pobos: Cartelle, Teixugueira, Pereda, Armada e Santomé.

     — ¿Entón Terzas e Valdaríz a quen pertencían, si quedaban no medio?

     — Aínda que pareza raro, pertencían á xurisdición de Castrelo, pero eran da Freguesía de Cartelle.

     — Está claro que ultimamente déuseche por remexer nas cousas do pasado, supoño que será polos recordos que che trae de cando vivías aquí.

    — Xa que falas de recordos, ti que explicación lle darías ao que me pasa a min cando, despois de haber tido varios tipos de vivencias en pobos, cidades, incluso países diferentes ao longo da miña vida, dun tempo a esta parte a maioría dos recordos vánseme á infancia ou á adolescencia e, case todos, relacionados coas xentes e co Pobo onde nacín.

   — Por si che serve de consolo, direiche que a min fai tempo que me ven pasando o mesmo e me consta que son moitos aos que lle sucede algo parecido. Non hai un só dia que eu me deite sen recordar imaxes e vivencias da época de rapaza e moza antes de quedar durmida. Explicación científica non sabería darche, supoño que será outro dos caprichos que nos impón a memoria, sexa esta episódica ou autobiográfica

  — ¡ala!, xa che volveu á vea intelectual. Cambiando de conversa: ¿ti estarías disposta a ir andando hasta a Bouza?, si é así mostraríache por onde se ía antigamente a Castrelo ou Ribadavia e, case con toda seguridade, tamén por onde pasaba o Camiño Real

      — porque non ei de estalo, non queda tan lonxe e a compañía é agradable pero mentres camiñamos cóntame algo mais do que levas investigado do ditoso camiño.

    — Mais que diso vouche contar unha historia persoal: ocorreu nas festas de Ramiras do ano 1.968; resulta que estabamos un grupo de mozas e mozos de Santomé no campo da festa, cando apareceu por alí Julia da Capilla acompañada dun forasteiro que andaba buscando xente para ir á vendima a Prado e facíanlle falta dúas mulleres mais, xa que Julia xa se había apuntado, un carrexón e un pisón. Non recordo a todos os do grupo pero sei que estaba Pepe Cazote, quen se ofreceu a  ir de carrexón, Carme Lonxines como vendimadora e quedáballe por contratar outra muller e o pisón, ademais había que saír en dous días. Non sei quen foi o que suxeriu, medio en broma, que a muller fose Rosa do Mesón, que tamén estaba presente e eu como pisón. Fose por aventura ou que Rosa mais eu andabamos moceando por aquelas datas, o feito foi que no día sinalado arrancamos os cinco cara Prado onde botamos unha semana, catro días na casa daquel amo que ía con Julia e tres na do seu sogro de Pousadoiro. Do camiño que levamos á ida non recordo ben por onde fomos pero no de volta viñemos saír aquí onde estamos agora.

   — ¿E como te deixaron ir teus pais, co traballo que tiñades na vosa casa?

  — Pois creo recordar que algunha pega puxeran pero como tamén ía gañar cartos supoño que non o verían tan mal

  — ¿Canto chegaras a gañar?

  — Ao pisón pagábanlle igual cas vendimadoras, 125 pesetas diarias. Como, aparte de pisar, eu tamén andaba co carro das uvas, estaba coa prensa e axudaba a vendimar, á hora de pagar recordo que Julia dixéralle que eu merecía algo mais e acabáronme pagando a 130; o que sei é que cando cheguei á casa entregueille a miña nai o primeiro soldo da miña vida que debía de andar preto das mil pesetas.

   — Non quería pecar de intelectual e menos resultar petulante pero, recoñecerás que: «necesitamos o pasado, temos que recordar o experimentado, pensar no vivido, reflexionar sobre elo e compartilo cos demais porque estamos feitos para vivir con outros». Esta reseña, coa que concordo ao cen por cen, recollina dun libro que estou lendo: La memoria y la vida, de José María Ruiz Vargas. Sei que ti non estarás moi de acordo con isto xa que che teño oído dicir algunha vez que o pasado pasado está

    pois direiche que aí ao mellor equivócaste. Cando antes che falaba de recordos era un pouco neste sentido; o que pasa é que eu nunca sería capaz de atopar esas palabras para explicalo tan ben, xa sabes, non tiven a ocasión de estudar que si terías ti

 — se trata de compartir Ramiro, compartir; mira: ti antes ilustráchesme co que representaban os marcos e a delimitación das xurisdicións así como de por onde debeu de pasar o Camiño Real, cousa que eu descoñecía por completo e, ao final, eu só che citei unha frase que atopei nun medio ao que calquera podería acceder si lle interesase.

 Hai quen di que tan importante como saber é ter o teléfono de quen sabe, como eu teño o teu,  seguiremos en contacto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

  Camiño vello da Bouza a Castrelo   O pasado segue vivo       — A nosa vida non é o que nos sucedeu, senón o que recordamos.       C...