O pasado segue vivo
— A nosa vida non é o que nos sucedeu, senón o que recordamos.
Con esta frase acababa de responderlle Maruxa a Ramiro cando este lle estaba contando como atopara o Marco da Salgueira. Resulta que quedaran aquela tarde para dar un paseo e decidiran facelo por un dos tramos do que fora Camiño Real que, desde fai anos, quedaría absorbido pola estrada que ía de Santomé á Bouza.
— Pois, como che dicía Maruxa, cando cheguei onde contaba que debía de estar o Marco só había toxos, silvas e fentos mais altos ca min e non sabía por onde empezar a buscar, tanto sería así que din media volta desistindo da idea. Xa metido no coche púxenme a mirar cara o camiño vello que ía a Ramiras, desde fai tempo en desuso, onde a pesar diso podíanse apreciar rastros do que había sido no pasado; alí pechei os ollos e deixaría que á memoria me ilustrara, revelara, esclarecera; cando os volvín abrir saín do coche e púxenme a andar, guiado sempre polos recordos, por aquel sendeiro abandonado e, apartando cun pau unhas poucas silvas e toxos que había pegados a un valado de laxe, apareceu aquela pedra máxica tallada con catro cruces sinalando os catro puntos cardinais tal como eu a recordaba de rapaz.
— Ti invocaches á memoria autobiográfica
para resolvelo, eu tamén acostumo a facelo cando penso no pasado e podo
dicirche que, a veces, hasta sería capaz de localizar algún dos marcos que
separaban as nosas terras, todo iso na miña cabeza claro.
— Non sei que é iso da memoria
autobiográfica, recorda que eu non fun ao Zorelle; sexa o que fose a min
deume resultado
— ven a ser algo así como viaxar mentalmente cara atrás a través do tempo; tampouco creas ti que no Zorelle ensinaban algo parecido; vas bo como penses que cos estudos dun instituto xa sabes de todo; ti lee libros e busca información que che interese de verdade e verás como a atoparás xa que hoxe hai dabondo, mesmo nas redes, a cuestión é non perder o tempo noutras cousas. Moi interesante o achado do Marco pero, en realidade ¿que é o que está marcando?
— como ben sabes un marco só non significa nada, non representa nada; para que teña algún sentido ten que haber como pouco dous. O Marco da Salgueira delimitaba as xurisdicións de Cartelle e Castrelo pero para que eses límites quedasen ben representados tería que, por forza, haber algún mais. Segundo o Catastro de Ensenada serían sete os que compoñían o polígono daquela xurisdición do Cartelle de 1.750; deses sete, só se puideron localizar tres: o da Salgueira, outro preto o Castro de Vilela e o de Chimpacarros; este último onde nacen as fontiñas do Fragoso, tamén delimitaría a xurisdición de Toén no punto chamado Trifinio. Os restantes habería que localizalos cara o Este, delimitando a xurisdición de Santa Baia de Anfeoz e ao Sur, a de Castelo de Sande; recorda que por esas datas a xurisdición de Cartelle estaba conformada só por cinco pobos: Cartelle, Teixugueira, Pereda, Armada e Santomé.
— ¿Entón Terzas e Valdaríz a quen pertencían, si quedaban no medio?
— Aínda que pareza raro, pertencían á xurisdición de Castrelo, pero eran da Freguesía de Cartelle.
— Está claro que
ultimamente déuseche por remexer nas cousas do pasado, supoño que será polos recordos que
che trae de cando vivías aquí.
— Xa que falas de recordos, ti
que explicación lle darías ao que me pasa a min cando, despois de haber tido
varios tipos de vivencias en pobos, cidades, incluso países diferentes ao longo da
miña vida, dun tempo a esta parte a maioría dos recordos vánseme á infancia ou
á adolescencia e, case todos, relacionados coas xentes e co Pobo onde nacín.
— Por si che serve de consolo, direiche que a min fai tempo
que me ven pasando o mesmo e me consta que son moitos aos que lle sucede algo
parecido. Non hai un só dia que eu me deite sen recordar imaxes e vivencias da
época de rapaza e moza antes de quedar durmida. Explicación científica non
sabería darche, supoño que será outro dos caprichos que nos impón a memoria,
sexa esta episódica ou autobiográfica
— ¡ala!, xa che volveu á vea intelectual. Cambiando de
conversa: ¿ti estarías disposta a ir andando hasta a Bouza?, si é así
mostraríache por onde se ía antigamente a Castrelo ou Ribadavia e, case con
toda seguridade, tamén por onde pasaba o Camiño Real
— porque non ei de estalo, non queda
tan lonxe e a compañía é agradable pero mentres camiñamos cóntame algo mais do
que levas investigado do ditoso camiño.
— Mais que diso vouche contar unha historia persoal:
ocorreu nas festas de Ramiras do ano 1.968; resulta que estabamos un grupo de
mozas e mozos de Santomé no campo da festa, cando apareceu por alí Julia da
Capilla acompañada dun forasteiro que andaba buscando xente para ir á vendima a
Prado e facíanlle falta dúas mulleres mais, xa que Julia xa se había apuntado, un
carrexón e un pisón. Non recordo a todos os do grupo pero sei que estaba Pepe Cazote,
quen se ofreceu a ir de carrexón, Carme Lonxines como vendimadora e
quedáballe por contratar outra muller e o pisón, ademais había que saír en dous
días. Non sei quen foi o que suxeriu, medio en broma, que a muller fose Rosa do
Mesón, que tamén estaba presente e eu como pisón. Fose por aventura ou que Rosa
mais eu andabamos moceando por aquelas datas, o feito foi que no
día sinalado arrancamos os cinco cara Prado onde botamos unha semana, catro
días na casa daquel amo que ía con Julia e tres na do seu sogro de Pousadoiro.
Do camiño que levamos á ida non recordo ben por onde fomos pero no de volta
viñemos saír aquí onde estamos agora.
— ¿E como te deixaron ir teus pais, co traballo que
tiñades na vosa casa?
— Pois creo recordar que algunha pega puxeran
pero como tamén ía gañar cartos supoño que non o verían tan mal
— ¿Canto chegaras a gañar?
— Ao pisón pagábanlle igual cas vendimadoras,
125 pesetas diarias. Como, aparte de pisar, eu tamén andaba co carro das uvas,
estaba coa prensa e axudaba a vendimar, á hora de pagar recordo que Julia
dixéralle que eu merecía algo mais e acabáronme pagando a 130; o que sei é que
cando cheguei á casa
entregueille a miña nai o primeiro soldo da miña vida que debía de andar preto
das mil pesetas.
— Non quería pecar de intelectual e menos resultar
petulante pero, recoñecerás que: «necesitamos o pasado, temos que recordar o experimentado, pensar no vivido,
reflexionar sobre elo e compartilo cos demais porque estamos feitos para vivir
con outros». Esta reseña, coa que concordo ao cen por cen, recollina dun libro
que estou lendo: La memoria y la vida, de José María Ruiz Vargas. Sei que ti
non estarás moi de acordo con isto xa que che teño oído dicir algunha vez que o pasado pasado está
— pois direiche que aí ao mellor equivócaste. Cando antes che falaba de recordos era un pouco neste sentido; o que pasa é que eu nunca sería capaz de atopar esas palabras para explicalo tan ben, xa sabes, non tiven a ocasión de estudar que si terías ti
— se trata
de compartir Ramiro, compartir; mira: ti antes ilustráchesme co que
representaban os marcos e a delimitación das xurisdicións así como de por onde
debeu de pasar o Camiño Real, cousa que eu descoñecía por completo e, ao final, eu só che citei unha frase que atopei nun medio ao que calquera podería acceder
si lle interesase.
— Hai quen di que tan importante como saber é ter o teléfono de quen sabe, como eu teño o teu, seguiremos en contacto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario